O Goberno permitirá a Louzán e Lores mantener os seus soldos
Por Oskar Viéitez
O Goberno español pretende fixar os salarios de alcaldes, presidentes de deputacións, edís e empregados públicos da Administración local nos Orzamentos Xerais do Estado, e segundo criterios de poboación.
Conforme este proxecto de reforma da administración local o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, poderá manter o seu salario de 63.831 euros, porque non excede os 75.000 euros de máximo establecido para as poboacións entre 75.000 e 150.000 veciños.
Tampouco tocará o salario Rafael Louzán, xa que para os presidentes das Deputacións, fixa un límite por todos os conceptos retributivos "igual ao do alcalde da corporación máis poboada da súa provincia". Louzán percibe 71.593 euros.
Ademais no Concello de Pontevedra o tope de edís con soldo quedará fixado en 15 dos 25.
E xa non se decidirá nos plenos municipais os topes do soldo dos empregados públicos locais. O Goberno pretende que se marque nos Orzamentos Xerais do Estado.
En Galicia quedaranse sen soldo unha veintena de rexedores de localidades de menos de mil habitantes.
Nesta reforma reducirase o número de asesores con cargo aos concellos. Nos grandes municipios o persoal eventual non poderá supoñer máis do 0,7% do total do persoal.
Se se aplica con carácter xeral a estimación de Facenda, que calcula que só o 18% dos concelleiros españois poderán cobrar do municipio, 3.125 dos 3.811 edís galegos deberán traballar sen retribución, algo que segundo a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) xa fan moitos.
E as mancomunidades que non rendan contas desaparecerán, mentres que os concellos que fagan o mesmo serán "baleirados de competencias".
A Fegamp pospuxo a súa valoración ata a executiva do mércores, consciente talvez de que tampouco este borrador é definitivo.