A presidenta da Deputación "non vai de inauguradora"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou este venres que na actualidade un total de 18 municipios da provincia xa concederon o 100% das actuacións previstas no Plan Concellos 2016.
Na rolda de prensa previa á Xunta de Goberno, Silva destacou a necesidade de que os veciños dos concellos da provincia saiban con estes datos que a maioría das obras municipais que acometen os gobernos locais son posibles grazas aos recursos que a Deputación pon na súa man.
"Agora hai unha presidenta á que non lle interesa ir sacarse fotos inaugurando obras, pero é necesario saber que esas obras fanse grazas á colaboración entre concellos e goberno provincial", dixo Carmela Silva. "A presidenta da Deputación non vai de inauguradora", engadiu.
Os 18 municipios que teñen o 100% do Plan Concellos concedido a día de hoxe son Agolada, Arbo, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Catoira, Crecente, Dozón, A Estrada, A Illa de Arousa, Fornelos de Montes, Mondariz, Moraña, Nigrán, Redondela, Pazos de Borbén, O Rosal e Silleda. En total, todos estes concellos recibiron achegas económicas por un valor global de 10.446.774,72 euros.
Segundo destacou a presidenta, en todos os casos, as contías percibidas este ano foron maiores que no exercicio anterior.
A maior parte das actuacións destináronse a investimentos para saneamento, pavimentacións de viarias, adquisición de maquinaria, melloras de equipamentos municipais e actuacións en parques infantís e instalacións deportivas. Así mesmo, boa parte das contías foron para a promoción de emprego e pola que se puideron contratar traballadores para realizar diferentes tarefas municipais. E tamén estes municipios accederon a partidas para sufragar actividades culturais, deportivas e ambientais.