A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí pide un préstamo para manter o programa "Vacacións en Paz"
Por Oskar Viéitez
Tarde e con máis dificultades que nunca, pero finalmente xa chegaron os nenos saharauís do programa "Vacacións en Paz".
Entre este sábado e o domingo, viaxarán a Galicia 325 nenos de entre oito e trece anos. Deles, na comarca de Pontevedra estarán sete nenos e 18 na do Salnés.
Segundo explicou a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, seis directivos da asociación avalaron co seu patrimonio un préstamo bancario de 105.000 euros para pagar os voos.
As compañías aéreas alxerinas esixen agora o pago por adiantado dos voos de ida e volta, isto dificulta que as administracións poidan adiantar o diñeiro das subvencións e axudas que lles conceden.
O programa "Vacacións en Paz" ofrece a posibilidade de que estes nenos poidan recibir unha completa atención sanitaria mentres escapan das altísimas temperaturas do deserto.