Un pontevedrés esixe multar á Garda Civil por aparcar nun espazo reservado para persoas con discapacidade
Por Oskar Viéitez
Un pontevedrés denunciou ante a Policía Local de Pontevedra a un coche patrulla da Garda Civil por atoparse estacionado nun espazo reservado para persoas con discapacidade na rúa Castelao.
Este incidente tivo lugar o pasado venres. Este cidadán paseaba en compañía da súa parella cando observou como os axentes da Benemérita ocupaban co seu vehículo esta zona reservada. Segundo informou este home a PontevedraViva, nun primeiro momento deixou pasar esta circuntancia, pero transcorridos máis de 20 minutos, cando volveu pasar polo mesmo lugar sorprendeuse ao ver que o coche continuaba aparcado no mesmo lugar polo que recriminou este comportamento aos axentes.
A explicación que lle deron os gardas civís foi que estaban de servizo, algo que pareceu insuficiente a este veciño que optou por denunciar os feitos ante a Policía Local que acudiu ao lugar e tomou nota da denuncia.
A patrulla da Garda Civil estaba nun servizo por un caso de violencia doméstica
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a patrulla da Garda Civil estaba nun servizo por un caso de violencia doméstica polo que se desprazaron desde Caldas de Reis a Pontevedra. A urxencia da intervención obrigou a que tivesen que estacionar no único sitio que había libre nesa rúa.
A denuncia foi arquivada xa que a Policía Local entendeu que estaba sobradamente xustificada a actuación dos gardas civís