A corporación non descansará en agosto
Por Alejandro Espiño
A diferenza dos últimos anos, a corporación municipal non terá vacacións en agosto. Os concelleiros, polo menos aqueles que se tomen uns días de descanso, deberán volver ao traballo antes de tempo para preparar o pleno que se celebrará, previsiblemente, o día 22 de agosto no Teatro Principal. Así se acordou na Xunta de Voceiros deste xoves.
Os partidos optaron por manter o pleno de agosto ante os numerosos asuntos que desexan tratar, aínda que todos rexeitan que teña que ver coa proximidade das eleccións autonómicas, previstas para o próximo mes de outubro.
Antes deste pleno, a corporación deberá celebrar a sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo, ao que irán asuntos de gran importancia como a aprobación do convenio entre o Sergas e o Concello para a ampliación de Montecelo, a disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD) ou a modificación puntual do PGOU que permitirá abrir un polígono comercial no Vao (Campañó).
O resto da orde do día son mocións. O BNG presentará catro. Dous delas para instar a Fomento e á Xunta de Galicia a reformar a PO-546, coñecida como a estrada vella a Marín, e a N-550 ao seu paso por Salcedo. Ademais, propoñerán a adhesión de Pontevedra ao Plan Revitaliza que impulsa a Deputación en materia de compostaxe e instarán o Goberno a actuar na antiga Comandancia da Garda Civil en Casimiro Gómez.
Outras catro mocións chegarán da man de Marea. Tras retiralas dun pleno anterior, a formación volverá tentar que o Concello rescate os contratos de abastecemento de auga e recollida de lixo, unha vez conclúan os actuais en 2017. Tamén pedirán que Pontevedra se adhira a un programa de apoio ao colectivo LGTBI e que se complete a reforma urbana en Santa Clara ata a rúa Pai Gaite.
O PSOE, pola súa banda, pedirá que se estableza unha taxa para as empresas de telefonía móbil que operan na cidade e instará o alcalde a mediar para que os cines de Vialia permitan a entrada con comida aos diabéticos; mentres que o PP reclamará a reapertura do bar do campo da Xunqueira e que policías en segunda actividade encárguense da vixilancia do SPAD de Valentín García Escudeiro e a Casa Azul, en lugar de contratar a unha empresa.