Desaloxan un supermercado en Poio ante unha falsa alarma de escape de gas
Por Redacción
Un supermercado da cadea Día situado en Poio foi desaloxado durante o mediodía deste luns 11 ante o temor de que se produciu un escape de gas. Finalmente comprobouse que era unha falsa alarma.
Segundo información do Servizo de Emerxencias 112 Galicia, un operario verteu augarrás por un sumidoiro situado dentro do supermercado. Esta acción provocou un forte cheiro, que provocou a preocupación entre os empregados que chegaron a pensar que se trataba dunha fuga de gas. Segundo as diferentes versións o cheiro procedía da peixería.
Un particular púxose en contacto co 112 Galicia ao redor das 14.30 horas para informar de que se estaba evacuando o establecemento.
Desde o 112 alertouse aos Bombeiros do Salnés, que non chegaron a trasladarse ao recinto, ao GES de Sanxenxo, a Protección Civil e á Policía Local de Poio. Ademais avisouse a Urxencias Médicas por se era necesaria a súa intervención.
Tras confirmarse que non se produciu ningunha fuga de gas, procedeuse á ventilación do supermercado. O local reabría as súas portas ao redor das 17.00 horas con normalidade.