Segundo a Xunta, as obras de Monte Porreiro están executadas "ao 63,51%"
Por Oskar Viéitez
Nin xa queda menos, nin fáltalle a metade, con precisión milimétrica o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, tras comprobar o avance das obras que este departamento autonómico está a executar no barrio pontevedrés de Monte Porreiro dixo que os traballos avanzan segundo o previsto "rozando o 63,51% xa executado, polo que a empresa adxudicataria confirma que poderían rematarse ao longo do próximo mes de abril".
Estas obras tiveron un orzamento de máis de 1,2 millóns de euros nesta primeira fase que suporá a mellora da rúa Alemaña.
Con esta actuación a Consellería busca un dobre obxectivo: o estético, beirarrúas máis anchas, mellora dos espazos públicos con máis árbores, e instalando novo mobiliario urbano; e o funcional, reordenando aparcadoiros e mellorando a rede de saneamento.
As luminarias tipo estrada foron substituídas por outras máis acordes coa súa condición urbana. "O obxectivo é aplicar un aforro enerxético e de rendibilidade lumínica", explicou José Luís Díez.
Pola súa banda, os veciños tamén mostraron a súa satisfacción pola execución dos traballos destacando que permitirán gañar en calidade de vida aos habitantes desta importante zona da cidade do Lérez.