Deputación e Concello presumen da súa "extraordinaria relación"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu esta mañá, acompañada polo vicepresidente provincial César Mosquera, ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Lores, con motivo da sinatura de dous convenios de colaboración entre a institución provincial e a corporación municipal co obxecto do saneamento nas parroquias de Mourente e de Bora e no río dos Gafos, en primeiro lugar, e a organización dos Campionatos de Europa de Piragüismo Maratón Pontevedra 2016 celebrados a fin de semana pasada, pola outra banda.
A presidenta asegurou que "ter ao alcalde na sede provincial é un orgullo, ao igual que contar coa compañía do vicepresidente, xa que este é un xesto importante para que a xente visualice que este goberno está comprometido coa provincia, e iso unicamente se pode facer a través do diálogo e do entendemento", declarou na rolda de prensa na que se procedeu á sinatura dos citados convenios.
Tanto a presidenta como o alcalde aseguraron que estes dous convenios "son os primeiros dunha serie ampla que imos firmar ao longo destes catro anos de goberno", dixo Carmela Silva.
Respecto ao convenio do río Gafos, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que "este proxecto é moi ambicioso e unicamente posible grazas á colaboración coa Deputación de Pontevedra", despois de que, como lembrou, "a Xunta non cumprise os seus compromisos coa cidade". Silva asegurou que "é un orgullo que o primeiro convenio que firmemos teña por obxecto o saneamento, e polo tanto preservar o medio ambiente e garantir os servizos básicos que ten que percibir a cidadanía".
A presidenta provincial insistiu en que "firmar estes convenios enmarcados nun protocolo de colaboración" é "unha forma rigorosa de facer as cousas. Neste protocolo establecéronse obxectivos e prioridades que o propio goberno do Concello formulou", algo que tamén subliñou o alcalde cando dixo que o protocolo de colaboración entre ambas as dúas institucións públicas ten "unha claridade de enfoque político que lle hai que agradecer á Deputación".
Carmela Silva, pola súa parte, asegurou que se elaborou respectando "a autonomía municipal, ás persoas que gobernan por decisión da cidadanía e que teñen proxectos de cidade. A relación da Deputación co alcalde de Pontevedra é extraordinaria, e a nosa colaboración se fai dende o respecto, pero tamén dende o profundo afecto", declarou.
En canto á celebración dos Campionatos de Europa de Piragüismo Maratón Pontevedra 2016, o alcalde pontevedrés asegurou que "malia ser un convenio pequeno, é moi importante para a cidade e toda a comarca: ademais de ser un éxito de participación deportiva, a afluencia de turistas, xente que viu ver o campionato e participantes lle deu unha ocupación moi próxima ao 100% á cidade, ademais de afectar aos concellos de arredor".
A presidenta, ademais, quixo agradecer ao concello por, a través destes campionatos, "colocar Pontevedra no mapa, tanto a cidade como a provincia, porque toda a provincia se beneficiou deles", asegurou.
Relacionadas:
-
Dezaoito empresas presentan ofertas para executar o saneamento do río Gafos
Por Redacción |
-
Lores e Carmela Silva asinan o convenio para os campos de fútbol en Xeve e Cerponzóns
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Novo paso para facer realidade o proxecto "altamente demandado" do saneamento do Gafos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
"Algún erro cometeriamos, pero non se me ocorre ningún". Primeiro ano da nova Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os populares critican a tardanza na sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello e a Deputación asinarán o mércores o convenio para sanear o Gafos ao que renunciou a Xunta
Por Natalia Puga |
-
A Deputación aproba o convenio para o saneamento de Bora, Mourente e o río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local pretende que as obras para sanear o río Gafos comecen antes de 2017
Por Redacción |