Premio "lingua de trapo" para dous curas de Marín por "desprezar o galego"
Por Redacción
A Asociación Queremos Galego Marín deu a coñecer este luns nunha conferencia de prensa os gañadores dos Premios Lingua deste ano. Con este premio a asociación quere recoñecer publicamente o labor daquelas persoas e entidades que contribúen á normalización do idioma galego, e dar un pequeno tirón de orellas, co premio Lingua de Trapo, a aquelas persoas ou colectivos que o ignoran ou desprezan.
Neste último apartado, o premio Lingua de Trapo está destinado aos dous curas de Marín, José Antonio Pedrosa (San Xulián) e Fernando Chacón (Santa María do Porto), "que se negaron a realizar unha misa en galego na honra do pai paúl Francisco Carballo, firme defensor do galego, falecido hai xa dous anos", dixeron os organizadores destes premios.
O premio Lingua de Ouro, na categoría individual, é para Lara Dopazo Ruibal. Esta marinense nada no ano 1985 é un dos novos valores da literatura galega, sendo a gañadora de varios premios, entre eles o certame GZ Crea 2008 pola poesía "Dende Illa Peixe", o Francisco Añón de poesía co poemario "Ovella" e a primeira edición do Premio Literario Nortear co relato "Clementina".
E na categoría de colectivos, o premio Lingua de Ouro, é para a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR). A asociación quere recoñecer con este premio á "alén do seu traballo polo seu emprego do galego como lingua de traballo e comunicación, creando e mantendo ademais un espazo social que favorece o seu uso".
Os premios entregaránse o venres 8 de xullo ás 20 horas no Museo Manuel Torres.