O persoal de Tesga e Insega pide que o xuiz os considere como grupo empresarial para cobrar a indemnización
Por Anxo Lourido
En setembro de 2012 falecía nun accidente en Vilagarcía de Arousa o empresario pontevedrés Juan Ramón García Vázquez. Era o propietario das empresas de seguridade e mantemento Tesga e Insega con sede na capital. Segundo explicaba Jon Joseba Barturen do sindicato CIG estas empresas quedaban cunha débeda dun millón e medio de euros. O seu irmán, José María García Vázquez, que tamén traballaba nestas empresas, púxose á fronte de Tesga e Insega que rematou cun ERE extintivo e a solicitude dun concurso de acredores o 6 de novembro de 2012.
O equipo chegou a un acordo de extinción de 23 días por ano traballado e o compromiso de contemplar as antigüidades que os traballadores acumulaban en ambas as dúas. A propia administración concursal considerou que Tesga e Insega conformaban un grupo de empresas. Non obstante, agora o Xulgado número 2 do Social nega esta consideración. Isto provoca que os 19 traballadores de Tesga cobren a indemnización mentres que os 7 de Insega terán que esperar ao fondo de garantía salarial. A CIG reclama do xulgado un cambio para evitar esta discriminación entre os traballadores destas empresas.
Dende o sindicato nacionalista denúnciase ademais que José María García Vázquez formou outra empresa, Jomagar, "e se lanza de maneira carroñera sobre o que queda, non facilitando unha saída adecuada para os traballadores", apuntaba Jon Joseba Barturen.