Axentes municipais reclaman no pleno melloras no servizo da Policía Local
Por Redacción
Ao redor de medio centenar de policías locais de Pontevedra concentrábanse antes do inicio do pleno ante as portas do Teatro Principal e, a continuación, asistían durante os primeiros vinte minutos da sesión plenaria.
Os representantes da Policía Local portaban camisetas brancas e mantivéronse durante o inicio da sesión de pé desde as butacas do Teatro Principal. Esta protesta englóbase dentro dos actos que este colectivo está a levar a cabo para demandar un mellor trato do goberno local. Durante estes días, os representantes sindicais están a negociar o convenio colectivo co concelleiro de Persoal, Vicente García Legísima.
Sinalan que, ademais de melloras económicas, precisan dun incremento de persoal e de material para poder exercer o seu traballo en boas condicións. Tamén reclaman que se acelere a valoración dos postos de traballo. Ademais, apuntan que queren tratar co goberno local algunhas das demandas que realizan os condutores como a de aumentar o tempo de estacionamento nos aparcadoiros limitados a 15 minutos, ao entender que ese período é insuficiente para realizar algunha xestión na cidade.
Alertan de que se a negociación do convenio colectivo non atende as súas demandas iniciarán protestas máis contundentes.