Cuntis amplía as prazas do Cuntilín Verán ante a "avalancha" de solicitudes
Por Oskar Viéitez
Esta semana comezou a súa andaina o "Cuntilín Verán", un espazo educativo de lecer para o verán destinado a rapaces de 3 a 16 anos, que o Concello pon ao servizo de todas as familias que viven no municipio. O único requisito é estar empadroado en Cuntis.
Nas oficinas municipais recibiuse unha "avalancha" de solicitudes para participar nesta actividade. En total foron 107 nenos, e aínda que o número de prazas estaba limitado a 79, desde o equipo de goberno coa concelleira de Igualdade e Benestar Social, Conchi Campos Fernández, tomouse a decisión de reforzar o persoal que nun principio estaba previsto dedicar a esta actividade para dar cobertura ás necesidades de todas as familias veciñas de Cuntis que o demandaron, aumentando o espazo no colexio Don Aurelio empregándose tamén as instalacións do pavillón municipal de deportes.
Trátase dun servizo público e gratuíto financiado na súa maior parte polo Concello de Cuntis, que recibe unha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social europeo.
Para dar publicidade da actividade, repartíronse por todo o concello bandos, carteis, folletos e publicouse na páxina web municipal.
Desde o Concello destacan que con esta iniciativa cumpren cunha das promesas do actual equipo de goberno de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.