Os técnicos provinciais estudarán a viabilidade dun carril-bici na EP-0602 para unir Pontevedra e Combarro
Por Redacción
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, contará cos principais colectivos da provincia para mellorar a mobilidade ciclista nas vías de titularidade da Deputación de Pontevedra. Polo de agora, o responsable provincial ten previsto convocar unha reunión coas asociacións coa finalidade de sentar as bases do que podería ser a futura mesa provincial pola Mobilidade Ciclista.
Segundo indicou o responsable provincial, o obxectivo de asumir os desprazamentos en bicicleta como prioritarios no mapa de estradas provinciais "encaixa totalmente" cos novos criterios do goberno da Deputación, que poñen por diante os desprazamentos peonís e ciclistas fronte ás necesidades dos vehículos a motor.
Benítez realizou esta reflexión logo do encontro mantido co responsable da asociación Pedaladas, Quique Pérez Fernández, quen sinalou que a creación de infraestruturas de interconexión ciclista entre os concellos da comarca e da provincia de Pontevedra poden supoñer un novo atractivo turístico para xerar actividade económica e emprego. Para isto, segundo indicou o representante de Pedaladas, só é preciso sinalar vías existentes e adaptar outras "con custes realmente pequenos en comparación coa construción de vías destinadas á mobilidade a motor".
Como petición máis concreta, Pérez propuxo a creación dunha ruta dende Pontevedra ata Combarro, pasando por Lourido pola vía provincial EP-0602. Esta, segundo indicou, ten cun forte atractivo turístico que ademais permitiría desviar o tránsito ciclista da perigosa PO-308 e acceder a praia de Lourido facilitando a mobilidade ciclista de dous municipios case unidos por vivendas. Esta actuación, que suporía a eliminación dun carril de tráfico rodado, será estudada cos técnicos provinciais e co propio Concello de Poio.
Outras das propostas do colectivo ciclista son a continuación do carril-bici de Marín, unha ruta cunha continuación lóxica pola costa ata Bueu, que melloraría a seguridade evitando o tráfico pesado da PO-546 e a alta densidade de tráfico sen beiravías da PO-551.
Tamén propoñen a vía verde a Ponte Sampaio aproveitando a antiga liña do tren en desuso para ofrecer unha alternativa segura á N-550 e permitir o acceso a Salinas do Ulló, a Pedra Miranda e a enseada de San Simón.
Relacionadas:
-
Deputación mellorará a mobilidade peonil no ámbito do porto de Campelo
Por Redacción |
-
Primeiros pasos para crear unha rede de vías ciclistas na provincia
Por Diego Espiño |
-
Fomentan entre os adolescentes o uso da bicicleta para trasladarse aos institutos
Por Redacción |
-
O goberno local apoia a conversión en paseo ciclista dun carril da autovía de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Pedaladas e Masa Crítica elaboran a súa propia proposta para un paseo peonil e ciclista Pontevedra-Marín
Por Redacción |