Un turismo incéndiase ante o Centro de Saúde da Parda
Por Redacción
Unha condutora viuse sorprendida esta tarde cando se puxo ao volante do seu vehículo aparcado fronte ao Centro de Saúde da Parda. Acendeu o turismo e inmediatamente orixinouse un incendio na contorna do motor do coche cunha potente lapa que provocou a reacción da condutora. Inmediatamente saíu do vehiculo e retirou a cadeira de bebé que levaba nos asentos traseiros, segundo apuntaron testemuñas presenciais.
Un veciño e axentes da Policía Local tentaron sufocar as lapas con extintores do centro de saúde. Con todo, o resultado foi infrutuoso. Os veciños alertaron aos bombeiros do Parque de Pontevedra que, minutos despois, chegaban á zona e lograban apagar o lume sen que se producisen danos ao mobiliario urbano nin a outros vehículos.
O incidente causou a alarma entre usuarios do centro de saúde e de veciños que se atopaban pola zona. Segundo os primeiros indicios, o incendio orixinouse por un curtocircuíto no sistema eléctrico do vehículo.