Dezaseis mozos madrileños con discapacidade intelectual recorrerán o Camiño Portugués
Por Redacción
De Tui a Santiago, con estancia incluída na cidade de Pontevedra. É o percorrido que emprenderán polo Camiño Portugués un grupo de 16 mozos madrileños con síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais.
Son os participantes da oitava edición do Camiño de Santiago, unha iniciativa organizada pola Fundación Síndrome de Down de Madrid (Down Madrid) baixo o lema "Un camiño por ti mesmo".
Estes mozos realizarán a súa peregrinaxe a Santiago de Compostela xunto a seis monitores que lles acompañarán durante os 122 quilómetros que separan Tui da capital galega. Os mozos peregrinos percorrerán a pé un total de oito etapas, ata alcanzar a Praza do Obradoiro o próximo 9 de xullo.
Sairán de Tui este venres 1 de xullo e día a día irán alcanzando as localidades de Porriño, Redondela, Pontevedra -onde chegarán o día 3 e marcharanse o día 5-, Portela, Caldas de Reis, Padrón, Milladoiro e Santiago de Compostela.
A travesía poderá seguirse diariamente a través do blogue https://caminodownmadrid2016.wordpress.com/.
Todas as tardes, unha vez finalizada a etapa, os participantes e os seus monitores reuniranse para decidir quen serán os Peregrinos do Día, por esforzarse en todo momento durante a etapa, axudar e animar aos compañeiros cando o necesitaron e mostrarse proactivos ante as adversidades atopadas ao longo da etapa. Os elixidos terán a honra de lucir a Cuncha de Peregrinos durante a seguinte etapa.
Esta iniciativa forma parte do programa de vacacións de Down Madrid, que aúna tres vertentes diferenciadas para o desenvolvemento integral das persoas con síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais, como son o deporte, o lecer e os programas culturais.