Rescatan un condutor que quedou durmido a rentes dun barranco en Cotobade
Por Redacción
Uns veciños localizaron na mañá deste xoves 30 un home que se atopaba durmindo no interior dun coche e nunha posición inestable, ao bordo dun desnivel na estrada que une Tenorio con Vilanova, dentro do termo municipal de Cotobade.
Segundo informa o servizo de Emerxencias do 112, os veciños encontraon ao condutor pasadas as 8.30 horas desta mañá e foron eles os que decidiron retirar ao condutor do automóbil, ante o perigo de que o coche caese polo barranco.
O ocupante do turismo foi atendido polos servizos sanitarios de urxencia, mentres que os bombeiros do Parque de Pontevedra tiveron que desprazarse ata a zona para coa axuda dun guindastre retirar o vehículo de maneira segura.
Ata o lugar onde se produciu o incidente achegáronse os Bombeiros de Pontevedra e tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico. O persoal do 112 Galicia tamén informou os Bombeiros do Salnés.