A fachada de Santa María recupera o seu esplendor
Por Natalia Puga
O proxecto polo que nos últimos meses se acometeu a limpeza da fachada principal da basílica de Santa María terá unha actuación complementaria coa limpeza do lateral norte, a fachada situada cara ao Campillo de Santa María. En total, os traballos están valorados en 17.500 euros, que se financiarán ao 50 por cento con fondos propios da parroquia e do Concello de Pontevedra.
O párroco de Santa María, Javier Porro, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron este mércores un convenio entre o Concello e o Arcebispado de Santiago en función do cal a administración local aportará 8.802,75 euros. O resto dos gastos asumiraos a parroquia con fondos propios e outros resultado das doazóns dos fieis.
As aportacións dos fieis tamén serán necesarias para acometer outro proxecto que afecta á capela de San Roque, adscrita á parroquia de Santa María. Segundo explicou o párroco, trátase da sustitución das campás da capela, un proxecto valorado en 5.500 euros do que o 50 por cento o aporta a parroquia e o resto terá que ser resultado de aportacións de particulares.
Ambas as dúas actuacións son traballos moi importantes para a conservación do patrimonio desta parroquia pontevedresa e completaranse cun terceiro proxecto que xa está en marcha e que foi financiado con fondos da entidade relixiosa, a reparación da cuberta da Reitoral situada no laberal da basílica, na que nos últimos invernos se viviron situacións de humidades, filtracións e goteiras.
En relación coas tarefas de limpeza das fachadas principal e norte, Javier Porro indicou que a técnica a utilizar será a mesma e os traballos asumiraos a mesma empresa. Como xa se fixo na fachada principal, na lateral optarase por unhas tarefas poucos invasivas para retirar herbas, prantas e musgos e mellorar o estado de conservación do edificio. Para facelo, non instalarán estadas para non ter que fixalos á pedra, senón que os operarios descolgaranse dende a cuberta pola fachada para ir limpando.
Tanto o alcalde como o párroco destacaron a importancia desta actuación, que mellorará a imaxe dun dos monumentos máis visitados e de maior atractivo turístico de Pontevedra. Construída no século XVI, no ano 1962, por decreto do Papa Juan XXIII pasou a ser Basílica. Hoxe en día, está considerada Ben de Interese Cultural así como Monumento Histórico-Artístico pertencente ao Tesouro Artístico Nacional.