Unha campaña de recollida de firmas pide suprimir o campionato de tiro ao pichón da Toxa
Por Oskar Viéitez
A Asociación Animalista Libera lanzou unha petición a través da plataforma Change.org para que se suprima o campionato de tiro ao pichón que se celebra na illa da Toxa.
A illa meca acollerá, entre os días 13 e 17 de xullo, unha nova edición do campionato de tiro ao voo ou tiro ao pichón. Esta tradicional convocatoria sempre estivo envolta en polémica entre quen defende a súa celebración esgrimindo os importantes ingresos que reporta á economía local e os colectivos ecoloxistas.
Os detractores deste tipo de actividades estiveron a piques de facela desaparecer por mor da prohibición dos perdigóns de chumbo que contaminaba as augas da ría. Pero a implantación da munición de porcelana revitalizou este campionato cinexético.
O tiro ao pichón é unha modalidade de caza excepcional en Galicia. A súa autorización depende da excepcionalidade que o goberno de Fraga introduciu en 1993 na Lei de Protección Animal, no mesmo artigo que se permiten as corridas de touros.
Os animalistas xa expuxeron un veto a esta modalidade de caza, que segundo os seus datos "masacran literalmente máis de 30.000 pichóns ao ano só na Toxa", a través dunha Proposición de Lei asinada por deputados de AGE, que tamén incluía a abolición da tauromaquia. En 2015 todos os grupos da oposición avalaron a proposta da entidade defensora dos animais, salvo o PP, que co seu voto negativo permite aínda esta barbaridade.
Os animalistas subliñan a "extrema crueldade" destes campionatos cinexéticos, "onde se chegou a recortar as ás das aves para crear un voo errático que facilite o disparo ao participante".
Relacionadas:
-
Asociacións animalistas piden suspender un campionato de tiro ao pombiño no Grove
Por Redacción |
-
Marea leva o 'tiro ao pombiño' ao pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Piden que o Concello do Grove rexeite o "tiro ao pombiño"
Por Redacción |
-
Unha ONG internacional promocionará O Grove se suspende o 'tiro ao pombiño'
Por Oskar Viéitez |