Coidado, se impactas cunha farola, escolle unha barata
Por Redacción
Un condutor que impactou contra un farol na rúa Juan Bautista Andrade ten que abonar unha indemnización de 319 euros polos danos causados ao mobiliario urbano. Con todo, outro condutor que sufría outro accidente na rúa Augusto García Sánchez vese obrigado por sentenza a pagar 2.704 euros. Estas sentenzas tratáronse na Xunta de Goberno celebrada no Concello de Pontevedra este martes 28. Ambas corresponden a dúas persoas que conducían baixo os efectos do alcol.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, explicaba que a diferenza se debe a que no segundo accidente o impacto foi maior e terminou derrubándose o farol mentres que no outro caso só provocou danos. Pero tamén recoñeceu que, segundo o informe pericial, cada un dos farois conta con materiais distintos de construción e a de Augusto García Sánchez resulta máis cara que a de Juan Bautista Andrade.
Na Xunta de Goberno tamén se tratou outra sentenza pola que o Concello terá que abonar 1.060 euros a unha motorista que sufriu danos a finais de 2014 cando o seu ciclomotor sufriu un accidente nunha fochanca na rúa de Vos Campos, antes de que fose reformada.
OBRAS DO ARI EN ESTRIBELA
Tamén se aprobaron este martes os proxectos de rehabilitación de dúas novas rúas no centro histórico de Estribela, na parroquia de Lourizán, a cargo dos fondos da área de Rehabilitación Integral (ARI).
Unha das obras realízase na avenida de Marqués de Valterra coa substitución do pavimento. Os outros traballos serán na Rúa do Mercado coa renovación tamén do actual pavimento.
A suma das dúas intervencións supera os 37.800 euros.
Por outra banda, a Xunta de Goberno decidiu que se pidan ofertas ás entidades bancarias un préstamo por 2.600.000 euros para diferentes proxectos como, entre outros, a mellora da rede de rede de sumidoiros, melloras de accesibilidade no rural e no centro urbano.