Bueu revitaliza a Festa do Carme ofrecendo unha proposta diferenciada chea de novidades
Por Redacción
Ofrecer actividades que se diferencien das restantes festas na honra da patroa dos mariñeiros. É o obxectivo da programación que o Concello de Bueu está a ultimar para a Festa do Carme. Así, as alfombras florais e a Danza das Espadas de Redondela serán protagonistas desta celebración, que terá lugar do 15 ao 17 de xullo con importantes novidades.
A Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu contará cunha delegación de Italia, que chega o 13 de xullo, unha delegación de Castropol, que estarán en Bueu a partir do 15 de xullo, e varias de Ponteareas, Redondela e Cangas que virán só o 16 de xullo.
Contando coa axuda destas delegacións, o 15 de xullo pola noite está previsto que se realice o pintado das alfombras na contorna da lonxa, que se acabarán de realizar na madrugada e mañá do 16 de xullo. Ese día, ás 12 horas terá lugar a misa na honra da virxe na Igrexa Parroquial de Bueu, con procesión ata a lonxa, onde se recibirán ás outras dúas virxes do Carme das parroquias de Cela e Beluso, unha das novidades deste ano.
O 16 terá lugar unha das actividades estrela destas festas, o baile da Danza das Espadas de Redondela, que se poderá ver tras a misa cantada pola Coral Marusía e a procesión terrestre.
Despois do baile terá lugar a procesión marítima, e ese mesmo día haberá pasarrúas pola mañá coa Banda de Música Artística de Bueu e coa Banda Manxadoira, e misa solemne con procesión ata a lonxa. Alí poderanse ver as alfombras confeccionadas. Pola noite, as orquestras Trébol e Costa Blanca amenizarán a verbena.
Ás 14.30 horas está organizada unha comida de confraternidade e ás seis da tarde, a misa solemne será na lonxa, tras a que se desenvolverá a procesión de alfombras confeccionadas cara aos barcos da procesión marítima, na que as tres virxes irán en embarcacións separadas por toda a ría, atopándose nun centro para realizar a ofrenda, e volta ao peirao. Pola noite, a festa será a cargo da orquestra Pasarela.
A Festa do Carme conta cunha grande tradición nos pobos mariñeiros, tal coma Bueu, vila na que esta celebración destacou desde comezos do século XX.