Nace o Premio Ría de Arousa de ideas excelentes do sector marítimo-portuario
Por Redacción
A Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra creou un novo galardón para premiar o emprendemento, o I Premio Ría de Arousa de ideas excelentes do sector marítimo-portuario, que premiará á idea máis innovadora e viable técnica e economicamente con 2.000 euros e un paquete de asesoramento de 60 horas para a definición da idea de negocio e lanzamento da empresa prestado polo Centro de Emprendemento Ligado a Economía Marítimo Portuaria de Vilagarcía.
O premio está cofinanciado polo Igape e conta coa colaboración do Porto de Vilagarcía de Arousa e a Consellería do Mar. Naceu co obxectivo de poñer en valor á ría premiando ás ideas máis innovadoras e viables, dándolle visibilidade e unha achega económica para poñelas en marcha.
O premio está dirixido a persoas físicas que presenten ideas empresariais que poñan en valor a ría e que non iniciasen a actividade previa á inscrición do concurso. Ademais do primeiro premio, haberá tres accésit con asesoramento incluído.
Os proxectos deberán ser orixinais, estar relacionados coa economía marítimo-portuaria e ter como ámbito fundamental de actuación a Ría de Arousa. A título orientativo, os principais sectores e actividades sobre os que se poden impulsar proxectos de emprendemento entre outros son: o transporte marítimo, loxística, a transformación e/ou comercialización de produtos do mar, o turismo náutico e mariñeiro, a náutica deportiva e recreativa, o patrimonio marítimo, os servizos ás empresas relacionados co mar, as enerxías renovables, ou o sector bio.
Aqueles interesados en participar coa súa idea, poderán inscribirse ata o vindeiro xoves 7 de xullo a través do envío da ficha de inscrición e consultar as bases que atoparán na web de AJE Pontevedra. Así mesmo, poderán ampliar información no correo comunicacion@eosa.com ou ben a través do teléfono 986 419 922 (ext.2015).