Bueu recupera esta fin de semana a XIII Festa do Viño Tinta Femia
Por Redacción
A XIII Festa do Viño Tinta Femia volve a Bueu despois de sete anos de parón. A Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu recupera o evento esta fin de semana na parroquia de Santa María de Cela.
O presidente da asociación, Fernando García Cendón, anunciou este luns a recuperación da festa acompañado pola concelleira de Turismo, Silvia Carballo; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; e Luís Davila, debuxante e autor das viñetas de O Bichero no xornal Faro de Vigo e autor dun dos carteis da festa. O outro é obra do pintor José María Barreiro Gómez.
Durante unha rolda de prensa celebrada na praza de abastos de Bueu, García Cendón agradeceu o traballo dos adegueiros, a alma do proxecto, e agarda que siga medrando e consolidándose nas vindeiras edicións. Pola súa banda, Xosé Leal destacou a colaboración da Deputación Provincial coa impresión dos cartaces e a subvención das actuacións musicais a través do Pontegal.
O programa empezará o venres 1 de xullo ás 19.00 horas, e seguidamente terá lugar a actuación do dúo de acordeóns Manolo e Ramón. Ás 21.30 horas é a quenda da foliada do grupo de gaitas Retrouso de Cela.
O sábado ás 13.00 horas terá lugar unha homenaxe póstuma ao primeiro presidente da festa, Evencio Parada Malvido, para dar paso despois ao pregón a cargo do debuxante Luís Davila, que loará "este viño e as anécdotas nacidas grazas a el". En torno ás 14.00 horas, actuará a asociación folclórica Recordos da Nosa Terra, e xa pola noite, a festa virá da man da agrupación Retrouso de Cela.
O domingo pecharase o programa cunha actuación a cargo da Coral Polifónica de Cela ás 13.00 horas, un sorteo dunha caixa de viño Tinta Femia ás 17.00 horas, e premios e homenaxe aos colleiteiros ás 19.00 horas.