A única pega: o vento. Polo demais, bendito anticiclón!
Por Redacción
Durante toda esta semana mantense a influencia do anticiclón sobre Galicia.
O luns caracterizarase pola estabilidade e o vento do norte. Así, agárdanse ceos despexados en xeral, con algún intervalo de nubes baixas no terzo norte nas primeiras e derradeiras horas da xornada. As temperaturas mínimas estiveron sen cambios ou en lixeiro descenso, mentres que as máximas ascenderán entre lixeira e moderadamente, con sensación de calor en puntos da metade sur. O vento soprará de compoñente norte, moderado, con intervalos fortes no litoral oeste pola tarde.
De novo, o martes a nosa comunidade continuará outra xornada máis con tempo anticiclónico, aínda que unha fronte pouco activa irase achegando polo litoral norte co avance do día. Así, o ceo estará pouco anubrado ou despexado en xeral, agás no terzo norte onde predominarán as nubes baixas nas primeiras e derradeiras horas do día, mesmo coa posibilidade dalgún orballo cara á noite. As temperaturas non experimentarán cambios moi significativos, con lixeiros ascensos das mínimas e descensos das máximas. O vento soprará moderado de compoñente norte.
Xa o mércores mantense a situación anticiclónica sobre Galicia, polo que se agarda un tempo seco e estable. Así, durante a mañá os ceos presentarán nubes de tipo alto e bancos de néboa en zonas do interior. A partir do mediodía os ceos quedarán pouco anubrados ou despexados e entrarán nubes baixas polo noroeste co avance da noite. As temperaturas quedarán sen cambios ou con lixeiros descensos. O vento soprará frouxo do noroeste, con intervalos de moderado nas Rías Baixas.
Para o resto da semana non se agardan cambios significativos na situación meteorolóxica dos vindeiros días, xa que Galicia continuará na influencia das altas presións con réxime de ventos do nordés. Así que o tempo seguirá seco e con temperaturas propias da época do ano, con máximas máis altas na metade sur onde superarán os 25ºC.