Os sindicatos solicitan a intervención dos alcaldes de Moraña, Cuntis e Caldas ante o ERE en Celtic Estores
Por Diego Espiño
Celtic Estores solicitou formalmente ante Traballo a aplicación dun novo Expediente de Regulación de Emprego temporal de 36 días para 160 dos seus 170 traballadores días despois de despedir 16 empregados de xeito "fulminante", segundo denuncian os representantes sindicais.
O comité de empresa reuniuse coa dirección para abordar o ERE, que se empezaría a aplicar o 1 de marzo por espazo dun ano e supoñería unha prolongación do actual en vixencia de 45 días, en vigor case catro anos.
A firma situada en Moraña alega causas produtivas para aplicar a regulación, baseadas nun excedente de plantel e un exceso de produción, un argumento que non convence aos sindicatos, como recoñece José Luis García Pedrosa, representante de CCOO, "o anterior ERE durou catro anos, o que demostra que teñen marxe. Pedimos que reconsideren os 16 despedimentos porque entendemos que querían sacarse un problema de enriba".
García Pedrosa confirma que pedirán a intervención dos alcaldes da bisbarra ante o grande impacto da fábrica na zona. Polo momento, fixaron reunións coa rexedora de Moraña e o alcalde de Cuntis o luns día 19, a falta de coñecer a dispoñibilidade do de Caldas de Reis, "pensamos que debe haber intervención dos alcaldes ou da consellería. Esta empresa instalouse en Moraña con aportación de cartos públicos".
A dirección de Celtic Estores volverá reunirse co comité de empresa o próximo mércores día 20 para continuar coa negociación do ERE.