Chaman aos veciños de Vilaboa a que traian as súas potas, bombos, chifres,... "e que nos escoiten nos xulgados"
Por Redacción
A Asociación de veciños de Postemirón-Graña convocou para este venres 24, ás 20.00 horas a unha cacerolada que percorrerá desde a estrada nacional N-540, á altura do Concello.
Trátase dunha mobilización en solidariedade coa veciñanza que está a ser multada e que se atopa inmersa en procesos xudiciais. Esixen "unha solución ao urbanismo municipal" polo que leva como lema "PXOM definitivo en Vilaboa, xa!".
Fai algo máis dun ano, os veciños saíron á rúa para denunciar a situación que estaba a sufrir outra familia da súa aldea, naquel caso, por unha orde de precinto da vivenda.
Naquelas datas, adquiriron o compromiso de traballar activamente para facilitar e axilizar a tramitación do PXOM de Vilaboa, e tras este ano, o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobouse inicialmente.
O documento está agora pendente de diferentes trámites e revisións.
Os veciños de Postemirón-Graña piden que a burocracia non demore este proceso "nin un segundo máis do necesario". É por iso que solicitan que a Xunta e o Concello traballen "conxunta e coordinadamente" con este fin.
Na cacerolada deste venres os veciños denunciarán a situación dunha familia sobre a que pesa un embargo dos seus ingresos mensuais, con petición de cárcere, 14.000 euros de multa e derriba da casa, unha medida que cualifican de "desproporcionada", e por tanto "inxusta".
"Non son delincuentes, a súa vontade non é outra que vivir con tranquilidade no sitio onde naceron", din desde a Asociación veciñal. Por iso a protesta tamén se dirixe "aos xulgados" para que "arquiven o caso da nosa veciña ou que, cando menos, suspendan preventivamente a instrución previndo a aprobación do PXOM e, por tanto, non cometendo ningún tipo de delito urbanístico".
Relacionadas:
-
Veciños de Vilaboa reclaman a aprobación do PXOM
Por Redacción |
-
Os afectados polo PXOM de Vilaboa esixen ao Concello e á Xunta "que non demoren máis a tramitación"
Por Oskar Viéitez |
-
Fiscalía pide a demolición dunha vivenda en Vilaboa e penas de prisión e multa para os seus propietarios
Por Redacción |
-
Postemirón e A Graña reclaman a urxente tramitación do Plan Xeral para legalizar as súas casas
Por Oskar Viéitez |
-
Técnicos autonómicos asesorarán ao Concello de Vilaboa na regularización dos núcleos costeiros
Por Redacción |
-
Os socialistas cualifican como "grave tomadura de pelo" a situación legal dos núcleos do litoral
Por Oskar Viéitez |