Comisiones Obreras denuncia ante Fiscalía incompatibilidades do persoal dos hospitais de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Comisiones Obreras (CC.OO.) denunciou ante a Fiscalía de Pontevedra que 22 traballadores dos Hospitais da cidade están a incumprir coa lei de incompatibilidades ao compaxinar o seu posto de traballo público con outro en mutuas, unha circunstancia que impide a lexislación actual. Rafael Vázquez apuntaba nunha rolda de prensa que a cifra podería ascender a 100 profesionais nestes hospitais ante a permisividade da xerencia, do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e da Consellería de Sanidade.
Vázquez indica que non se pode traballar en dous postos da administración pública, como sucede con mutuas como Muface ou con Isfas. Sinala que a administración debe obrigar aos profesionais a que se dediquen ao seu posto de traballo nos centros sanitarios, sen alternar con outras opcións, e isto permitiría xerar máis de 500 empregos en Galicia.
O 15 de xuño, o sindicato presentaba a denuncia ante a Fiscalía ao comprobar que os distintos organismos internos do Sergas non atendían as reclamacións realizadas por este sindicato. Desde CC.OO. reclaman a dimisión do xerente dos hospitais de Pontevedra, José Manuel González, ao que tamén achacan a falta de resolución de problemas graves nos centros sanitarios ou a descoordinación dos servizos, ademais de abusos no sistema de contratación con irregularidades, inoperancia das compañías externalizadas que, segundo Rafa Vázquez, converteron os espazos hospitalarios en almacéns sen que o persoal coñeza cando se vai a levar a cabo a reposición do material que se almacena nos corredores.
Vázquez alertou tamén de que trasladarán a Fiscalía o envío de nove botellas de Albariño por parte de Ges Médica ao xerente e a outros dous dos directivos do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Esta empresa, segundo afirma Vázquez, merece especial atención porque lle concedeu numerosos contratos e tamén traballos de consultoría. O representante sindical mostra que existe un agradecemento por parte desta empresa a estes tres cargos e que agora será a Fiscalía quen terá que decidir se existe algún tipo de acción tipificada.
CIG PIDE DATOS DO PECHE DE CAMAS
Pola súa banda, a CIG-Saúde reclama datos nos que se basea a xerencia dos Hospitais de Pontevedra e do Salnés para pechar camas durante este verán. Unha vez que o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, sinalou que o peche se basea na execución de obras nos centros hospitalarios e na falta de profesionais para cubrir as vacantes, o sindicato nacionalista reclama información sobre as especialidades médicas nas que se carece de médicos, unha relación das persoas que finalizaron a súa formación vía MIR e que a xerencia contratou.
Ademais, solicitan ao xerente José Manuel González documentación sobre as obras que se van a acometer nos hospitais e de que maneira vai levar a cabo a redución das listas de espera.
Relacionadas:
-
A Fiscalía arquiva a denuncia de Comisións Obreiras sobre as incompatibilidades de médicos
Por Redacción |
-
Alertan dun novo peche de camas hospitalarias este verán que incrementará as listaxes de espera
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Sanidade garante que o novo Montecelo será un hospital de xestión "100% pública"
Por Alejandro Espiño |