Un vixiante de seguridade salva a vida a unha muller infartada nun coche
Por Redacción
Un vixiante de seguridade salvou a vida a unha muller que estaba a sufrir un infarto grazas aos seus coñecementos de primeiros auxilios e ao uso dun desfibrilador á primeira hora da mañá deste sábado nas inmediacións do seu posto de traballo.
Todo ocorreu sobre as 7.45 horas deste sábado nas instalacións da empresa Ence en Lourizán. Un vixiante de seguridade da empresa Segur Ibérica, Mauel Merino Ferreiro, recibiu un aviso do persoal auxiliar da pasteira porque unha muller que estaba a esperar a un familiar no seu coche estaba a sufrir un infarto.
Segundo informou o sindicato UGT, o vixiante acudiu á chamada de socorro e utilizou un desfibrilador para reanimar á muller, salvándolle a vida porque actuou con rapidez e no período de tempo imprescindible para garantir unha pronta recuperación e os menores danos orgánicos posibles.
UGT Pontevedra súmase ás felicitacións ao traballador que xa lle deron tanto Segur Ibérica como Ence e indica que esta acción é unha mostra da profesionalidade e a continua formación do sector da seguridade privada, que neste caso permitiulle ter os coñecementos e medios técnicos para reacciar ante unha situación de emerxencia.