"En Galicia nunca chove", bromea o rei emérito
Por Mónica Patxot
O rei emérito Juan Carlos I navegou este venres en augas da ría de Pontevedra xunto aos alumnos do Centro Nacional de Vela Adaptada Fundación Mapfre, cos que intercambiou unhas palabras e fotografouse nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo.
"Venimos a apoyar a la Fundación Mapfre de discapacitados, tenemos que hacer todo lo posible para integrarlos socialmente y ahí estamos apoyándolos", manifestou aos xornalistas o rei emérito durante a clausura en Sanxenxo o primeiro curso do calendario 2016.
Este sábado comeza o I Trofeo InterRías da clase 6m, no que participará o monarca emérito, e coincidindo a súa estancia na vila pontevedresa quixo saudar os participantes do curso, que ademais navegaron coa frota dos barcos clásicos 6m e os seus patróns, encabezados polo rei Juan Carlos, e tripulacións.
Pasado o mediodía e acompañado polo seu amigo Pedro Campos, presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, o monarca chegaba ás instalacións do porto, onde lle esperaban ademais dos alumnos, o alcalde de Sanxenxo Gonzalo Pita; o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro; e tamén Carlos Fernández, director territorial Galicia Sur de Mapfre; Marta Menéndez, directora de Telefónica en Galicia e Carlos Troncoso, de InterRias.
Tras saudar e conversar cos alumnos, cos que se fixeron unha foto de familia, Don Juan Carlos saudou aos medios de comunicación desprazados ata o porto, confirmando estar encantado de atoparse en Sanxenxo e de volver "a navegar si el tiempo lo permite. ¡En Galicia nunca chove!" chanceaba engadindo que "seguro que volveré".
A continuación os sete barcos 6m saíron á auga cos alumnos, navegando durante unhas dúas horas fronte á praia de Silgar.