Ravachol, unha vítima máis das preferentes de "Lobacaixagalicia"
Por Alejandro Espiño
Ravachol ten un grave problema. Despois de cen anos morto, atópase na máis absoluta ruína financieira. Ravachol non ten un peso, non ten nin para alpiste. E por que? Porque depositou os seus aforros en Novagalicia Banco e desapareceron vítimas das preferentes. Pero Ravachol non se rende e de novo está aquí para denunciar este abuso, este roubo que afecta a tantos galegos e galegas.
ÿ o apoio explícito que a figura máis emblemática do Entroido pontevedrés fai este ano aos miles de galegos atrapados nas participacións preferentes de Novagalicia Banco. No centenario do seu pasamento, Ravachol amosa a súa cara máis reivindicativa e solidaria para reclamar unha solución para todos os afectados.
Vestido cunha camisola laranxa e cun silbato no pescozo, en clara alusión á arbitraxe á que teñen que recorrer moitos afectados para recuperar parte dos seus cartos, Ravachol alude á entidade na que el ten depositados os seus cartos "Lobacaixagalicia", un banco cun eslogan moi apropiado para a ocasión "roubando e punto".
Ao fío do conflito das preferentes, Ravachol asegura que a el, Gayoso, Méndez, Pego e compañía dixéronlle que con eles estaban moi seguros os seus cartos, que podería quitalos cando quixera, que disporía sempre deles, "pero todo era unha trola orquestrada por uns ladróns ruíns e covardes" e agora quedou sen os poucos aforros que tiña despois de máis dun século de duro traballo.
Coa súa conduta, Ravachol quere recordarlle aos gobernos da Xunta e do Estado, aos políticos de calquera cor e aos actuais xestores da entidade rescatada e nacionalizada co diñeiro de todos os cidadáns "que os afectados polas preferentes non se van render e van loitar polo que é deles coa axuda de todos os pontevedreses e visitantes que participan e viven este gran entroido".
Así regresa un Ravachol no ano no que se conmemora o centenario do seu pasamento. "Non se resiste a desaparecer", aseguran os responsables da súa vestimenta. "Segue mantendo o seu estilo, chega ás nosas vidas pícaro, burlón e irreverente, chega alegre pero crítico, e chega sobre todo feliz de atoparse de novo entre as xentes que tanto amou".
Centos de pontevedreses achegáronse á Praza da Peregrina para presenciar a aparición de Ravachol que, como ven sendo habitual, chegou acompañado de homes e mulleres vestidos de época que recreaban a emblemática farmacia de Perfecto Feijóo onde, segundo din as crónicas da época, o loro avisaba ao seu dono cando chegaban os seus clientes dos que aprendía comentarios irreverentes que posteriormente repetía para escándalo de algúns.
A conmemoración do centenario do pasamento do loro Ravachol continuará durante toda a semana con múltiples recreacións da botica de Perfecto Feijóo, aínda que os actos principais serán o próximo sábado 16 de febreiro.
Ás 18:00 horas será o comezo do velorio de Ravachol na sala mortuoria que se instalará na Praza da Verdura e ás 21:00 horas sairá o cortexo fúnebre acompañado do seu séquito e as comparsas Os Paparrulos, A Esmorga, Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo e Os da Caña percorrendo as rúas San Román, Ferraría, paseo Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Isabel II, Rúa Real, Sarmiento, Pasantería e Praza da Ferraría.
Será na Praza da Ferrería onde se celebre a chamada "velada infausta", durante a que se procederá á incineración do finado. Un acto no que se conmemorará o centenario das honras fúnebres en honor a Ravachol e que busca rendir homenaxe ao loro e ao seu propietario, auténticos emblemas do Entroido pontevedrés. Ademáis da lectura dunha elexía, o grupo Celme interpretará unha "danza da morte" e tamén actuarán as comparsas Pola Vila e Val do Lérez. El final será un concierto de Roi y Nando Casal, que interpretarán, entre outras pezas, o "Pranto por Ravachol".
Así que xa o sabedes. Todos a gozar do Entroido. Xa está aquí Ravachol!