Concentración do persoal das Galiñas Azuis para reclamar melloras laborais
Por Anxo Lourido
Os vinte traballadores da Escola Infantil da Galiña Azul da Parda concentrábanse este xoves, convocados pola CIG Ensino, para demandar un convenio que regule a súa situación laboral. Estes traballadores pertencen ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e levan desde 2007 sen convenio que regule as súas condicións de traballo.
Esta situación está a provocar, segundo denuncian, que o persoal teña que aprazar as súas visitas médicas ou renunciar a días de asuntos propios xa que non se atopan abertas as listas de substitución, como demandan desde o sindicato nacionalista.
Reclaman que se lles aplique a xornada laboral da Xunta de Galicia e o V Convenio Laboral coas súas retribucións. Os traballadores indican que non poden permutar nin participar nun concurso de traslados, de forma que están obrigados a realizar en moitos casos grandes desprazamentos, que en ocasións tiveron como consecuencia accidentes durante os traslados.
Todos os xoves levarán a cabo concentracións e non descartan protestas máis contundentes ata o punto de iniciar unha folga a partir de outubro se a Xunta de Galicia non oferta 100 novas prazas na comunidade, necesarias para regular a situación do persoal deste Consorcio en concurso de traslados interno.
En toda Galicia, hai 2.000 traballadores afectados pertencentes ao Consorcio.