Correos sopesa utilizar para oficinas privadas a primeira planta da súa sede da Oliva
Por Oskar Viéitez
A comisión de urbanismo do Concello de Pontevedra abordou este martes a solicitude de información de Correos na que pregunta pola posibilidade de utilizar para "oficinas privadas" a primeira planta da súa sede na rúa da Oliva.
O asunto foi informado na Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente, explicou a concelleira e presidenta da Comisión, Carme da Silva.
O informe dos técnicos municipais sinala que ao ser un equipamento público podería dárselle ese tipo de uso "sempre e cando" o titular seguise sendo Correos. É dicir, unha fórmula de aluguer, ou de concesión na que se manteña o titular. Ademais o uso tería que ser análogo ao de equipamentos.
Os sindicatos levan tempo denunciando que desde hai uns anos vén producindo unha reestruturación en Correos, que se centra principalmente na redución drástica de persoal e na externalización de todo aquel servizo susceptible de ser privatizado como o mantemento, ligazóns, tecnoloxía, recollida de caixas de correos ou a paquetería.
A solicitude de información exposta polo servizo postal dá pé a pensar que Correos sopesa privatizar unha parte das actividades que ten.