A realidade virtual máis "inmersiva" vai amosar o modelo urbano ao mundo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Pontevedra será durante este verán un espazo onde se gravarán contornas e situacións para trasladarse despois a todo o mundo a través da realidade virtual. É unha iniciativa que se desenvolve a partir da posta en marcha do "Encontro internacional sobre tecnoloxías emerxentes", o Tek-Fest, que contará cunha semana con numerosas actividades entre o 27 de setembro e o 1 de outubro.
Esta proposta foi presentada durante este martes 7 no Concello de Pontevedra coa intervención dos concelleiros Anabel Gulías e Alberto Oubiña, acompañados por Toño Cabanelas, un enxeñeiro audiovisual de Seixo (Marín) e por Manuel González, director do programa de tecnoloxía e cultura dixital Zoom Net en Televisión Española. Todos coincidiron en sinalar que, coa celebración deste evento, Pontevedra vai por diante no terreo das novas tecnoloxías xa que o congreso ofrecerá propostas de futuro pero que xa son presente para nós, sinalou Toño Cabanelas.
Entre os relatores deste Congreso vai atoparse Antonio Víctor García-Serrano, fillo dun pontevedrés, un especialista en fotografía panorámica e vídeo en 360 graos e o seu interese na actualidade céntrase en axudar a expandir o uso desta tecnoloxía interactiva para acompañar e complementar á fotografía e vídeo convencional. Segundo os promotores deste encontro, trátase do mellor camarógrafo neste terreo do mundo.
Tek-Fest ten como obxectivo ir destinado a profesionais de áreas tecnolóxicas, pero tamén a outros diferentes perfís como xente nativa dixital e interesadas nas novas tecnoloxías. A través desta actividade búscase promocionar o modelo urbano a través dos sistemas "inmersivos", que cada vez están máis estendidos, segundo apuntou Toño Cabanelas, a través das redes sociais. O aspecto máis novo desta proposta atópase no ofrecemento de obradoiros onde os asistentes poderán experimentar con estes formatos comunicativos com imaxes presentadas a través de imaxes capturadas en 360 graos.
Tras a presentación, os organizadores ofreceron aos viandantes a posibilidade de experimentar as sensacións que provoca a realidade virtual empregando as lentes Gear VR conectadas a teléfonos móbiles desde onde se proxectaban vídeos gravados na Illa de San Simón ou mostrando a actividade dos "percebeiros".