A Feira de Cuspedriños bateu o seu récord ao recibir a 4.000 persoas o domingo
Por Redacción
A Feira de Cuspedriños bateu o seu récord de asistencia na súa décima edición, ao recibir este domingo en San Xurxo de Sacos a máis de 4.000 persoas. A cifra aportouna este luns o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, ao facer balance da celebración.
Cubela insiste en que as previsións do Concello de Cotobade eran ter arredor de 3.000 persoas, as mesmas que en anos anteriores, pero superáronse ampliamente. "Este ano hai coincidencia absoluta en que foi a edición con máis público de todas", indicou.
Segundo explicou, este ano tamén foi o de máis número de expositores, con 76 postos de comida, roupa, artesanía ou oficios tradicionais, entre outros, cifras que amosan o éxito dos festexos e que xa os fan pensar na posibilidade de solicitar a categoría de Festa de Interese de Turístico de Galicia para a Feira de Cuspedriños.
Ao respecto, indicou que, pola nova normativa, haberá que agardar a que cumpran quince edicións no ano 2021, pero "para ser unha festa con catalogación oficial hai que comezar a traballar con calma, porque os requisitos son esixentes". Na súa opinión, "cumpre e ten unha repercusión que a fan merecedora de ser festa de interese e ademais, de obter catalogación, teríamos acceso a axudas autonómicas".
Cubela amosou este luns a súa ledicia por cumprir novamente co obxectivo de "honrar a nosa memoria, recoñecer o traballo e o esforzo dos nosos ancestros e lembrar a importancia que tivo a Galicia rural e do interior, que foi fundamental no desenvolvemento desta terra".
Relacionadas:
-
Unha mañá de paseo ata o Foxo do Lobo
Por Redacción |
-
As xornadas "Cuspedriños10" incluirán charlas históricas e roteiros de sendeirismo
Por Redacción |
-
Cotobade regresa aos anos 50 nunha animada Feira de Cuspedriños
Por Diego Torrado |
-
Cotobade agarda este domingo 3.000 personas no décimo aniversario da Feira de Cuspedriños
Por Redacción |