Absolven un mozo da Cañiza acusado de abusar da súa veciña de 12 anos
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta de la Audiencia provincial de Pontevedra acaba de absolver o veciño da Cañiza Christian V.V., xulgado en xaneiro por abusar sexualmente dunha menor que entón tiña 12 anos e que era a súa veciña e tiña con el varios amigos en común.
Durante o xuízo o rapaz negou os feitos mentres a presunta vítima, que declarou a porta pechada, mantivo a súa acusación de que en agosto de 2010 a bicou e tocou os peitos e, ao mes seguinte, bicouna, obrigouna a facerlle unha felación e penetrouna cun dedo na vaxina.
Como adoita acontecer nestes casos, o tribunal acode aos elementos ou reservas que se empregan na criba das versións dos feitos, é dicir, as características da testemuña, a forma de narración do feito, os xestos... sinalando na sentenza a existencia de dúbidas razoables así como contradicións nas declaracións e as versións dos feitos que fan as testemuñas.
Na súa declaración, a rapaza indicou que tardou en denunciar os feitos porque tiña medo a que se os seus pais se decataban a internasen nun reformatorio. Finalmente, saíron a relucir porque un día nunha festa e cando a menor se encontraba baixo os efectos do alcohol "cando tivo que ser trasladada ao PAC da Cañiza cando relata ao médico que bebeu para esquecer o que pasou, polo que non pode descartarse que buscase unha explicación á ebriedade," di a sentenza.
Con ocasión do xuízo obsérvase que a menor mostra un comportamento bastante tranquilo contrariamente ao que adoita acontecer nestes casos nos que se percibe unha emotividade e unha rabia.
A fiscal do caso pedía que o acusado fora condenado a seis anos de prisión como autor dun delito de abusos sexuais, a acusación particular exercida pola familia da suposta vítima lle considera responsable de dous delitos de abusos sexuais e solicitaba unha condena de nove anos (dous por un e sete polo outro) e a defensa a súa libre absolución.
As declaracións do resto das testemuñas que compareceron no xuízo resultaron contraditorias coas prestadas en fase de instrución. A única que non incorreu en contradicións foi a prima á que a vítima contou os feitos en primeiro termo e o seu ex marido, que, tras coñecer as queixas da rapaza, chamou ao acusado e asegura que el non mo negou, pero me dixo que non a obrigara".
As que entón eran amigas da vítima e supostamente a acompañaban cando contou os feitos sinalaron que xa non manteñen relación con ela "porque é unha mentireira", pero seguen sendo amigas do procesado. Outras amigas da vítima sinalaron que non coñecían os feitos, pero que é mentira que a rapaza tivese algún interese sentimental polo acusado e puidese declarar por vinganza.
Tras escoitar a declaración duns e doutros, a fiscal considera que as máis fiables son as da vítima (que foi "sincera, consistente e convincente") e as do seu entón primo político ao que o acusado supostamente recoñeceu que a rapaza si lle fixo unha felación, pero porque quixo. Ao respecto, a fiscal sostén que aínda que a relación fose consentida, é legalmente condenable, pois ela era menor de 13 anos.