Destinan máis de 700.000 euros para pequenos arranxos no rural
Por Redacción
O Concello iniciará o procedemento para contratar a execución de pequenas obras no rural polos períodos 2016-2018, segundo indicou o portavoz do Goberno, Raimundo González, tras a Xunta de Goberno. Con estes traballos realizaranse pequenas obras de reparación nas vías públicas para acometer arranxos en muros, drenaxes ou melloras no asfaltado, á marxe das obras que realicen as brigadas municipais.
O orzamento ascende a máis de 725.500 euros.
CONTRATO A 20 PERCEPTORES DE RISGA
Por outra banda, o Concello contratará a 20 perceptores de Risga, persoas que se atopan en risco de exclusión social, para as brigadas municipais. A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases para esta contratación a través dunha subvención da Consellería de Benestar Social que ascende a 235.000 euros.
Doce dos contratados formarán parte da Brigada de Obras, mentres que seis destinaranse a xardíns e dous a cemiterios. O período de contratación establécese por sete meses cunha xornada laboral do 75%. Os traballadores que se contraten percibirán soldos iguais que os estipulado para persoal do Concello. As contratacións teranse que realizar no prazo dun mes.