534 escopetas e unha ballesta, a poxa na Comandancia
Por Redacción
O vestíbulo da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra expón durante toda a semana centos de armas que poderán adquirir os cidadáns que o desexen a través dunha poxa pública. As máis numerosas e que acaparan a visión de todo aquel que se achegue ás instalacións da avenida Domingo Fontán son as escopetas, con 534 en exposición, pero hai outras modalidades de armas que chaman máis a atención dos cidadáns, entre elas unha ballesta.
Nove rifles, 27 carabinas de tiro deportivo, 45 pistolas e 17 revólveres completan o lote de pezas, que se poxará polo procedemento de prego pechado e os posibles compradores poderán revisar ata o vindeiro venres 3 de xuño.
As armas están expostas todos os días da semana en horario de 09.00 a 13.00 horas. Durante todos eses días, os cidadáns poderán velas e, a continuación, realizar unha proposta de oferta para adquirilas. Entregarano nun sobre pechado no que achegarán os seus datos persoais e a cantidade que están dispostos a pagar.
Os sobres estarán a disposición da Intervención de Armas e Explosivos da Garda Civil, que os abrirán e adxudicarán o vindeiro luns, 6 de xuño. A poxa celebrarase a partir das 09.00 horas na Comandancia.