Xuño chegará ás Rías Baixas con sol e calor baixo o brazo
Por Redacción
As Rías Baixas permanecerán este luns nunha zona intermedia entre as baixas presións de días anteriores e o anticiclón que dominará o tempo en toda Galicia a partir do martes, segundo a información facilitada polo Servizo de Meteogalicia.
A xornada comeza con nubes baixas moi abundantes que deixan algunha choiva de carácter débil a primeiras horas para que, a partir do mediodía, se alternen nubes e claros con nubes de evolución. As temperaturas mínimas descenderán lixeiranente mentres que as máximas comezarán a ascender situándose entre os 11 e os 19 graos. Os ventos soprarán moi frouxos de compoñente oeste, con tendencia cara ao norte durante a tarde.
Durante o martes 31 de maio, toda Galicia quedará baixo a influencia das altas presións, cun tempo seco e estable. Os ceos quedarán pouco nubrados ou despexados e as temperaturas máximas seguirán ascendendo chegando ata os 23 graos. O vento soprará frouxo con tendencia de compoñente norte.
Xuño chegará o mércores con altas presións, achegando aire cálido ás Rías Baixas procedente do sur peninsular. Os ceos permanecerán despexados e as temperaturas ascenderán ata os 25 graos. O vento soprará frouxo do nordeste con brisas en toda a zona costeira da provincia.
A partir do xoves e ata a fin de semana, as previsións de Meteogalicia sinalan que as temperaturas serán altas manténdose nos 25 graos. Durante a fin de semana chegarán ventos do oeste que poderían deixar algunha precipitación ao longo da franxa atlántica.