Os Mercados de Abastos celebran o seu Día Europeo
Por Anxo Lourido
O Día Europeo dos Mercados desenvolveuse baixo a presenza de chuvascos que impediron a asistencia dun gran número de nenos ata a Praza de Abastos de Pontevedra onde os máis pequenos recibiron globos e piruletas dentro da campaña promovida con motivo desta celebración.
Loli Torres, vicepresidenta da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Pontevedra, colocaba unhas rosas no seu posto de venda no corredor central do Mercado pontevedrés mentres un grupo de palilleiras da asociación Duos Pontes realizaban unha exhibición no interior do edificio, refuxiándose da choiva. Loli Torres mostrábase satisfeita co bo ambiente que deixa esta xornada sobre todo destacando que nos últimos tempos hai unha maior presenza de clientes novos.
"A cociña está de moda", afirma sinalando que os programas gastronómicos da televisión logran atraer a novas xeracións de compradores, sobre todo, durante os sábados. O resto da semana, a media de idade é máis elevada "ao igual que sucede nos supermercados", indica a vicepresidenta da asociación.
A principal demanda das vendedoras do Mercado pasa pola adquisición dunha máquina de xeo. A que existía estragouse fai máis de seis anos e nunca se chegou a resolver ese problema, que condiciona tamén a apertura polas tardes do Mercado. Para Loli Torres sería positiva esa ampliación de horarios sempre que se instale a máquina de xeo porque as bancadas do peixe carecen dun sistema que permita manter o frío.
Durante esta xornada festiva, os concelleiros responsables de Promoción Económica e de Mercados, Anabel Gulías e Vicente García Legísima, achegáronse ata a praza e realizaron alí as súas compras.
MARÍN E SEIXO
En Marín, o cociñeiro Iñaki Bretal, fundador do Grupo Nove, ofreceu un showcooking e talleres de cociña onde explicou unha receita ante os usuarios do Mercado, que tomaban nota ao detalle.
Ademais repartíronse mil mandiles, bolsas de tea e contos para os nenos tanto no Mercado de Marín como no de Seixo.