Os freixos de Campolongo, en guerra contra un insecto
Por Alejandro Espiño
Ata 250 freixos hai no ámbito de Campolongo, repartidos entre a Praza de Galicia, Augusto García Sánchez ou a Praza da Constitución. E todos eles están ameazados por un insecto himenóptero do xénero Macrophya, coñecido comunmente como falsa oruga do freixo.
O tratamento contra esta praga que se está a facer este ano -e que comezou este xoves- consta de dúas actuacións.
Primeiro faise un tratamento mediante endoterapia con insecticida (abamectina) que diminuirá o número de exemplares de oruga que se verán afectados cando se alimenten das follas dos exemplares tratados.
Despois, no momento en que estas orugas baixen polo tronco para a súa hibernación no solo, colocaranse trampas de film de policarbonato transparente que permitirán diminuír o número de orugas que cheguen a completar o ciclo e por tanto, o vindeiro ano, o efecto deste insecto será moito menor.
O obxectivo desta actuación é baixar o umbral de praga, é dicir, que o efecto do insecto non sexa comprometido para a árbore poñendo en risco a súa supervivencia.
Os danos que causa esta especie son debidos a dúas causas. Por unha banda, a perforación das follas que o insecto adulto provoca cando emerxe a principios da primavera e fai a posta nestas follas. E despois da aparición das orugas a defloliación é case total nalgúns casos debido a que as orugas aliméntanse destas follas facendo que os exemplares queden moi danados.
Estes traballos están a ser coordinados polo departamento de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra.