Poio acondiciona a Ruta das Fervenzas do Pereiro e o Bosque das Sequoias
Por Redacción
O Concello de Poio deu orde para iniciar un operativo de limpeza e recuperación de dous espazos públicos, para que poidan ser visitados e gozados por toda a veciñanza.
Así, acondicionarase a Ruta das Fervenzas do Pereiro que por mor dos temporais estaba deteriorada. Os traballos consisten na limpeza de maleza e a reparación dos pasos existentes ao longo do roteiro. O alumnado do IES de Poio dará boa conta disto na saída que teñen programada para o próximo 1 de xuño.
O Bosque das Sequoias, no monte Castrove, se comezará a preparar desde este venres para recibir aos numerosos visitantes que acoden a diario a desfrutar dese lugar.
Uns dos privilexiados en visitar o Bosque de Colón serán mozos e mozas das Escolas UNESCO, que convidados polo CEIP Isidora Riestra, pasarán unha xornada de lecer e convivencia neste entorno incomparable o vindeiro día 6 de xuño.
CORPUS
Do mesmo xeito, as brigadas municipais están acondicionando e limpando as rúas e adros de Samieira, Combarro, San Salvador e San Xoán para que o vindeiro sábado 28 poidan realizarse as alfombras florais co gallo da celebración do Corpus, tradición moi arraiga neste municipio.
Nela, o Concello de Poio colabora cos colectivos e persoas que as elaboran aportando parte dos recursos materiais precisos para a súa confección.