O xefe Territorial de Educación nega "favoritismo partidista" no reparto de axudas da Xunta
Por Redacción
O xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación, César Pérez Ares, negou "favoritismo partidista" no reparto de axudas da Xunta.
Pérez Ares considera que as declaracións da presidenta da Deputación de Pontevedra sobre os convenios asinados cos alcaldes, "simplemente denotan unha pataleta de Carmela Silva que quedou fora de xogo ante a exemplar responsabilidade amosada polos alcaldes da provincia, con independencia da súa cor política".
O representante da consellería lembrou que o pasado ano asinouse un convenio no que estaba involucrada a Deputación, para intervir na conservación e mantemento dos centros educativos da provincia. "Pero este ano –engadiu– a pesar de que se convidou ao organismo provincial, dende a Deputación desbotaron reeditar o convenio".
Nese sentido, Pérez Ares agradeceu aos alcaldes de toda a provincia "que souberan estar á altura das circunstancias".
Por último, o xefe territorial afirmou que "non se pode falar de favoritismo partidista, cando resulta que os concellos que máis fondos recibiron están rexidos polo BNG e o PSOE", dixo.
Segundo Pérez Ares, a presidenta da Deputación "busca unha escusa para agachar o seu exercicio de escapismo", coa súa denuncia.