O sindicato UFP pide ludotecas nas comisarías para os fillos dos policías
Por Redacción
O sindicato Unión Federal de Policía (UFP) enviou escritos á Subdelegación do Goberno en Pontevedra e aos principais partidos políticos da provincia para pedirlles que se instalen ludotecas nas distintas comisarías pontevedresas para os fillos dos policías, xa que os seus horarios laborais dificultan o coidado dos fillos e a conciliación da vida laboral e familiar.
Os representantes sindicais lembran que a de policía é unha profesión que leva traballar cando os demais dormen ou están a gozar do fin de semana. Os traballadores asumen eses horarios como parte das súas obrigacións, pero indican que os seus fillos, como os de calquera cidadán, teñen que estar atendidos e iso vólvese especialmente difícil coa súa profesión.
Ao respecto, indican que as garderías adoitan funcionar nun horario que non cobre as horas ás que traballan os policías e as garderías que si abren lles piden importantes suplementos. Isto supón que "ter fillos pola nosa profesión sexa como unha penalización".
"Fálase moito de conciliar vida laboral e familiar pero na práctica en profesións como a nosa non se facilita esta faceta , pídensenos esforzos e sacrificios pero logo non se acordan das nosas familias", indican desde o sindicato policial. Piden que as palabras se convertan en feitos para que a conciliación sexa posible e, para iso, é necesario que as dependencias policiais teñan ludotecas nas que poder deixar aos seus fillos en horas ás que lles resulta imposible pedir a un familiar que os coide ou levalos a unha gardería.