A corporación apoiará o nomeamento de Sabino Torres como fillo predilecto de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Diego Torrado & Mónica Patxot
Todos os grupos municipais apoiarán o inicio do proceso para nomear fillo predilecto da cidade a Sabino Torres, o coñecido poeta e editor pontevedrés falecido esta semana.
A representante de Cidadáns, María Rey, presentou na Xunta de Portavoces un escrito reclamando que se incoe un expediente para que leve a cabo esta distinción, que contou co apoio de todos os grupos, BNG, PP, PSOE e Marea.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, indicou que será necesario comprobar que fórmula é a que corresponde para destacar a figura do editor, indicando que entre os últimos distinguidos por un recoñecemento similar atópase Alexandre Bóveda cuxo nomeamento como fillo adoptivo en 1999 estivo acompañado pola entrega da medalla de ouro da cidade á familia.
O pleno do luns 30 aprobará esta proposta e, ao mesmo tempo, procederase ao sorteo para designar aos membros das mesas electorais para os comicios xerais do 26 de xuño. Precisamente, en relación con esta cita, Marea Pontevedra presentará no pleno unha petición para que os colexios electorais sexan accesibles, un aspecto que, segundo Raimundo González, está resolto asegurando que todas as persoas poderán acudir a emitir o seu voto sen ter que enfrontarse a obstáculos.
Durante esa sesión debaterase, entre outros temas, sobre a proposición do grupo municipal do PP relativa á transparencia nas viaxes dos representantes do goberno municipal. Os populares tamén presentarán propostas sobre a modificación da ordenanaza reguladora do Imposto de Actividades Económicas, que foi rexeitada na comisión polo resto de grupos, salvo a abstención de Marea. O PP tamén pedirá a adhesión ao programa de vivendas baleiras da Xunta de Galicia e que se inste á Deputación a recuperar o Plan de Acción Comunitaria.
Pola súa banda o PSOE presentará un punto sobre o tratamento de hepatite C mentres Marea Pontevedra solicitará que o Concello inste á Xunta de Galicia a impulsar unha Lei Integral Transexual. Tamén presentará outro punto reclamando a paralización da Depuradora de Praceres e a posta en marcha dun modelo alternativo para o tratamento de augas residuais. A agrupación que lidera Luís Rei reclamará un plan municipal para a xestión das colonias felinas e reiterará a súa petición para que o Concello asuma directamente os servizos de recollida de lixo e de abastecemento de augas cando finalicen as actuais concesións no ano 2017.
Por último, os grupos de BNG, PSOE e Marea asumen a petición realizada por Antón Masa como representante da Plataforma Ence Fóra da Ría para Sempre e a Federación Ecoloxista Galega para que o Concello apoie a marcha contra Ence prevista para o 4 de xuño.
Relacionadas:
-
"Lembranza dun fillo querido, predilecto, desta cidade que tanto amou"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Sabino Torres será nomeado fillo predilecto de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra rende a súa primeira homenaxe ao falecido Sabino Torres
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra renderá homenaxe a Sabino Torres coa presentación da revista Olga, o seu último proxecto editorial
Por Redacción |
-
Cinco horas... en pleno
Por Alejandro Espiño |
-
As viaxes do goberno de Lores acenden os ánimos no pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Falece en Madrid o escritor e editor pontevedrés Sabino Torres
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP pide rebaixas fiscais no IAE para empresas do extrarradio que facturan un millón de euros anuais
Por Anxo Lourido |
-
Marea ofrece os seus votos ao BNG para unha maioría absoluta que rescate servizos privatizados
Por Alejandro Espiño |