Pablo Casado reunirase o sábado en Moraña cos 392 concelleiros do PP en Pontevedra
Por Redacción
Pablo Casado, un dos políticos de maior proxección dentro do Partido Popular, será o invitado estelar da primeira Convención de Concelleiros que realizan os populares pontevedreses e que reunirá aos 392 edís do PP na provincia de Pontevedra.
Este acto público celebrarase o vindeiro sábado 28 de maio en Moraña e nel participarán, entre outros, a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor; ou o presidente provincial do partido, Alfonso Rueda.
A alcaldesa, actual secretaria de Organización do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro, será a encargada de abrir esta convención, na que intervirán Santiago Rodríguez Davila, Teresa Egerique, Marian Sanmartín e Beatriz Iglesias, concelleiros en Salceda de Caselas, Vigo, Marín e Vila de Cruces, respectivamente.
Todos eles falarán sobre a organización e o funcionamento dos concellos, ademais de abordar novos retos da política municipal, tras o cal abrirase unha quenda de debate.
Esta convención de candidatos, que estaba prevista antes da convocatoria de eleccións xerais, enmárcase como un dos actos centrais de precampaña do PP na provincia.
É a antesala á convivencia de alcaldes e portavoces que o PP celebrará nos próximos días, segundo avanzan desde o partido.