Detido un condutor que xa perdera todos os puntos e se deu á fuga polas rúas de Marín
Por Redacción
A Garda Civil detivo un mozo de Vilaboa de 30 anos que na tarde do martes protagonizou unha fuga polas rúas de Marín. Tras ser detectado por Tráfico cometendo unha infracción, escapouse e máis tarde foi localizado circulando polo centro da vila de forma temeraria poñendo en perigo outros condutores e peóns.
Segundo informou a Garda Civil, o mozo foi detido como suposto autor de dous delitos contra a seguridade viaria, un por conducir co carné sen vixencia por perda de puntos e outro por condución temeraria. Posteriormente quedou en liberdade coa obrigación de comparecer ante o Xulgado de Instrución número 2 de Marín cando lle requiran.
Todo ocorreu sobre as 20.30 horas do día de onte. O turismo Seat Altea conducido polo agora detido foi sorprendido por unha dotación da Garda Civil de Tráfico de Vilaboa na estrada PO-313 cometendo unha infracción en materia de seguridade viaria, pero, cando lle deron o alto, desobedeceu a orde e deuse á fuga.
Os feitos foron postos en coñecemento doutras unidades da Garda Civil e unha dotación de Seguridade Cidadá do posto de Marín localizouno no centro de Marín e observou como circulaba de forma temeraria e seguía desobedecendo as indicacións para que detivese a marcha.
Finalmente os axentes conseguiron bloquealo e procederon á súa detención e traslado ás dependencias oficiais onde, compoñentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra instruíron as dilixencias logo remitidas ao xulgado.