Protestas contra a decisión do IES Xunqueira I de concentrar todos os exames en tres días
Por Oskar Viéitez
Ao redor dun cento de persoas mobilizáronse este martes no instituto Xunqueira I en protesta pola decisión "tomada ás costas do alumnado" de realizar en tres días todos os exames de cada avaliación.
A protesta contou co apoio da asociación estudantil Erguer que valorou positivamente a concentración celebrada ás 10.40 horas, fronte ao propio instituto.
Os afectados por esta medida son os alumnos de primeiro e segundo de bacharelato.
Os alumnos consideran que esta decisión se debe consultar aos estudantes "para que eles decidan o que mellor lles conveña". A situación é de "clara repulsa" a esta decisión, polo que os afectados piden á dirección do centro "que resolva este conflito de maneira que os alumnos estean conformes".
En palabras da integrante de Erguer e estudante do Xunqueira I, Moraima Pérez, "queremos que se nos pregunte sobre as cuestións que nos afectan directamente e consideramos que non é o máis acaído facer todos os exames nun período tan curto como o que impoñen con esta medida".
O representante de Erguer, Diego Bará insistiu en que "se lle consulte ao estudantado neste caso, se quere ou non que se aplique esta medida".