Unha nai é condenada a tres anos e nove meses de cárcere por arroxar pola xanela ao seu bebé
Por Oskar Viéitez
Unha nai foi condenada a tres anos e nove meses de prisión e privación da patria potestade, logo de recoñecer que arroxou pola xanela ao seu bebé recén nacido. O caso resolveuse este martes mediante un acordo de conformidade na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra.
Ademáis da pena de prisión a muller aceptou a privación da patria potestade sobre o menor con prohibición de aproximarse ao menor, o seu domicilio, lugar de traballo/colexio ou calquera outro frecuentado por el a unha distancia inferior a 200 metros ou comunicarse con el por calquera medio por tempo de cinco anos.
En virtude deste acordo a acusada, maior de idade, admitiu que o día 29 de xullo de 2014, sobre as 5 horas deu a luz a un neno no inodoro do baño do segundo piso do seu propio domicilio, tras un embarazo que ocultara á súa familia, amigos e ao propio pai do menor por temor ao rexeitamento familiar e social.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, "unha vez nacido o neno, ser indefenso pola súa propia condición, a acusada, con intención de acabar coa súa vida e ocultar o nacemento a todo o mundo, arroxou ao menor desde a xanela do seu dormitorio", que está situada a unha altura, medida desde o alfeizar ata o chan, de 2.40 metros, causándolle lesións consistentes en traumatismo cráneoencefálico de alta intensidade con diversas fracturas e hematomas.
A Fiscalía sinala que no momento dos feitos a acusada atopábase "nun estado de nerviosismo e shock emocional" como consecuencia da súa percepción da contorna e da falta de planificación do embarazo que "afectaba á súa capacidade intelectiva e volitiva, aínda sen anulalas".
O neno sobreviviu e ten na actualidade un adecuado desenvolvemento físico e psicomotor e non se aprecian secuelas físicas nin neuronais. Renunciouse polo pai a toda indemnización económica que puidese corresponder.
A acusada ten prohibido aproximarse ou comunicarse co menor en virtude de auto do 30 de xullo de 2014 ditado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número dous de Tui.
O representante do Ministerio Fiscal entende que estes feitos son constitutivos dun delito de asasinato en grao de tentativa e que concorre na acusada as agravantes de parentesco e a eximente incompleta de alleamento mental.