Concede licenza municipal para reparacións nas igrexas de Taboadelo e Barbudo
Por Redacción
As igrexas de Santiago de Taboadelo e Santa María do Castro, en Barbudo, serán obxecto de obras de mellora. A Xunta de Goberno local de Ponte Caldelas concedeu este luns senllas licenzas para obras nestes dous edificios históricos.
A actuación en Taboadelo consistirá na mellora dun muro, cun orzamento de execución material de 1.890 euros; mentres que en Barbudo realizaranse reparacións na nave por valor de 11.879,22 euros.
O primeiro templo data do século XVI, mentres que o segundo está datado a finais do XVIII.
Dáse a circunstancia de que a primeira igrexa pertence ao Arcebispado de Santiago, mentres que a segunda está adscrita a diócese de Tui-Vigo.
Por outra banda, o órgano de goberno municipal aprobou a solicitude de subvencións á Deputación para o arranxo do valado de madeira da área arqueolóxica de Tourón, por 4.644 euros, e á Consellería de Cultura para adquisición de libros en galego con destino á Biblioteca Municipal, por 1.500 euros (o importe máximo subvencionable) e servirá para adquirir obras editadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 1 de outubro de 2016.
A Xunta de Goberno estivo presidida polo alcalde, Andrés Díaz Sobral, e contou coa asistencia dos concelleiros socialistas Enrique Vidal e Pilar Couto; Lito Muiños e Manuel Barreiro (BNG) e Alfonso Gutiérrez (AVP).