Ponte Caldelas reclama á Xunta converter en centro de día a casa indiana de Quintán
Por Redacción
O equipo de goberno de Ponte Caldelas insta á Xunta de Galicia a darlle uso á casa de estilo indiano que adquiriu no seu día no barrio da Quintán. E para ese inmoble suxiren un equipamento do que carece actualmente a vila: un centro de día.
Así o vai aprobar o próximo pleno da corporación municipal nunha moción que asinan PSdeG-PSOE, BNG e AVP, e na que se inclúe comunicar ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar -actualmente dirixido polo ex alcalde Perfecto Rodríguez- a súa disposición para colaborar e facilitar os trámites para o inicio da súa actividade social.
O goberno municipal recorda que a Xunta investiu no ano 2009 case 408.000 euros para restaurar esta casa co obxectivo de convertela nun centro de vivendas comunitarias para a integración social de persoas con discapacidade psíquica.
Pero coa chegada do PP ao goberno galego, apuntan na moción, o actual Executivo non puxo en marcha o anunciado proxecto, polo que case sete anos despois do remate das obras, o edificio estase a deteriorar por falta de uso.
As tres forzas políticas que compoñen o goberno municipal reclamaron en marzo unha solución ao Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, pero ata o de agora non se recibiu resposta ningunha.
O Concello de Ponte Caldelas asegura non comprender que a Xunta permita que permaneza pechado este simbólico chalé indiano, "un edificio fermoso, asentado nunha parcela de 1.467 metros cadrados e no que urxe a súa inmediata utilización como dotación pública para fins sociais", sinala o executivo local.
O centro de día para maiores que propón o goberno municipal podería atender, sinalan, non só aos anciáns de Ponte Caldelas, senón tamén aos de concellos próximos como Cotobade ou A Lama, "máis aínda no contexto de envellecemento poboacional que afecta a todos os concellos galegos de interior".
Entenden que esta proposta é construtiva e tería custe practicamente cero pois o groso do investimento xa está feito e a súa entrada en funcionamento "evitaría o eventual deterioro que moi pronto comezará a evidenciarse por falta de uso".
En todo caso, desde o Concello aseguran estar abertos a calquera outra proposta de uso, tanto a orixinal como calquera outra, que o goberno galego queira facer, "sempre que se trate de actividades relacionadas co benestar social".
Relacionadas:
-
O Concello de Ponte Caldelas insiste en denunciar o abandono da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas acorda solicitar á Xunta a apertura da Casa da Quintán como centro de maiores
Por Redacción |
-
Novo intento na busca da unanimidade para converter a Casa da Quintán en centro de día
Por Redacción |