O conselleiro aos estudantes: "cando un acode a unha folga ten que estar informado"
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia reclamou ao Ministerio de Educación "un grupo de traballo máis pequeno para tratar de achegar posturas sobre as diferenzas" na Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (Lomce), segundo informou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez.
O conselleiro referiuse en Pontevedra á reunión mantida o xoves con motivo da Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas e tamén falou achega da terceira xornada de folga nos centros educativos galegos.
Sinalou Jesús Vázquez que esa é "unha decisión propia dos estudantes, nós só podemos dicirlle a verdade á sociedade. Evidentemente todos sabemos as circunstancias e as causas que existen".
E engadiu que as declaracións dos representantes estudiantiles "non se corresponden coa realidade", en concreto, asegurou que "cando se di que unha lei é antigalega demostra un descoñecemento total da realidade. Ou cando se di que unha lei é privatizadora. Os argumentos que se están esgrimindo non son os correctos. Cando alguén acode a un dereito como o da folga ten que estar informado".
Neste sentido Vázquez afirmou que "o único que podemos facer desde a Consellería é tratar de informar do que perseguimos con esa Lei".
Argumenta o Conselleiro que España teñen un 55% de desemprego xuvenil "e polo tanto queda claro que o modelo educativo non foi o correcto porque estamos nunha tesitura que é insostenible. España ten unhas taxas e uns indicadores que non se pode permitir polo ben da nosa mocidade. Algo teremos que facer para buscar unha solución para os nosos mozos", afirmou.
Para Jesús Vázquez os modelos educativos existentes están "caducos", e sinalou que moitos países que foron pioneros en tratar de implantar este tipo de modelos "xa hai décadas que os abandonaron e creemos que é o momento de que España tamén de ese paso", concluíu.
Oroza e Vilalonga
Por outra banda, e de xeito máis breve, o conselleiro asegurou que é vontade da Xunta colaborar xunto á Deputación na reparación das deficiencias que presentan as instalacións do Carlos Oroza, así mesmo reiterou que están á espera da posta a disposición por parte do Concello de Sanxenxo dos terreos en Vilalonga para construír o Colexio de O Cruceiro.